«O que arde », de Oliver Laxe, preseleccionada para os Premios do Cine Europeo

AXENCIAS 
BERLÍN 

“O que arde” , do galego Oliver Laxe, é unha das catro películas españolas preseleccionadas para os Premios do Cine Europeo (EFA). Os organizadores deron a coñecer este martes a lista das 46 obras que pasaron este primeiro corte. A 32.ª edición celebrarase en Berlín o 7 de decembro. «Con 31 países europeos representados, a lista reflicte unha vez máis a gran diversidade do cine europeo», comunicou a EFA desde a súa sede na capital alemá, informa a axencia Efe. Laxe xa conquistou coa súa última cinta o Premio do Xurado na categoría Un Certain Regard do Festival de Cannes.

Os outros filmes españois que poden chegar a obter candidaturas son Dor e gloria, de Pedro AlmodóvarA noite de 12 anos, unha coprodución hispano-franco-arxentina de Álvaro Brechner, e O reino (España, Francia), de Rodrigo Sorogien.

Os filmes nomeados serán anunciados o 9 de novembro durante o Festival de Cine Europeo que se celebra na cidade española de Sevilla. Un xurado de oito membros elixirá aos distinguidos nas categorías de cinematografía europea, edición, deseño de produción, deseño de vestiario, maquillaxe e barbería, banda sonora e efectos visuais.

Os derradeiros ‘vaqueiros’ dos Ancares

Coa chegada da primavera, entre 250 e 300 vacas inician acompañadas de gandeiros un percorrido a pé de entre 20 e 30 quilómetros para chegar desde os Ancares galegos a novos pastos nos Ancares leoneses, onde permanecerán até a chegada das neves, en novembro. Unha transhumancia secular que se mantén viva.

Nos Ancares hai parroquias que nestes 15 anos perderon até o 65% da súa poboación. “Nos concellos nos que nos asentamos a media está no 30%. De seguir esta progresión, en 30 anos non habería habitantes”, calculan desde a cooperativa ancaresa A Carqueixa, que fai este 2019 25 anos de vida. Un prognóstico para o futuro contra o que se rebelan os 200 socios e socias desta cooperativa, centrada na carne e na castaña. Dela fan parte as 17 gandarías de vacún de carne de Cervantes e Navia de Suarna, que manteñen o desprazamento estacional de animais, a transhumancia, unha práctica que segue viva desde hai ben de anos.

José A. Díaz é un deses gandeiros e ao tempo é presidente da Carqueixa. “Cando chega a primavera tiramos coas vacas cara ao Campo da Auga, en Vilafranca, León, un terreo que lle temos alugado a comunidades de montes de alí”, explica a Sermos Galiza. Son por volta de 5000 hectáreas de pastos onde eses 250-300 exemplares procedentes da Galiza permanecerán até que aparezan as primeiras neves, cando volverán a casa. “Eu adoito levar unhas vinte”, indica Díaz, explicando que a viaxe se fai a pé.

“Hai vacas que xa saben o camiño e guían ás novatas”, indica. “Dependendo do sitio do que partes, son 6, 7, 10 ou 11 horas camiñando”, engade Román Sánchez, xerente da cooperativa. Un roteiro que percorre corredoiras e camiños, atravesa regatos e monte baixo, sobe até 1500 metros de altura para volver baixar ao val onde está o Campo da Auga, no seu día unha aldea ancaresa e hoxe case deshabitada.

Beneficios

Incendios, seca, terreos abandonados cuxo titular é difícil de atopar… A gandaría nos Ancares precisa superficie e non sempre a atopa na Galiza. “As nosas vacas nunca están estabuladas, só cando enferman ou cando precisan axuda para parir”, afirman desde a cooperativa, onde cada persoa socia ten unha media de 25 cabezas de gando vacún. Que non estean estabuladas implica, por unha banda, “que se alimentan de xeito totalmente natural, do que o monte dá, dos prados…”, afirma José A. Díaz. Mais iso conleva, tamén, necesidade de maior superficie. Un terreo que precisan e que tiveron que procurar nos Ancares bercianos.

 

Extraído de Sermosgaliza.gal

 

25 de Xullo, Día da Patria Galega

¡Galiza! Nai e Señora !
sempre garimosa e forte 

preto e lonxe

onte, agora, mañán

… na vida e na morte!

 

¡Todo prá nosa Galiza,

fror de todal-as virtudes;

prá sedenta de xusticia,

ferida de escravitudes!

 

Namentras a sangre vibre

en beizos e corazón…

¡a espranza de véla libre

e este berro: Redención ¡

 

¡Xuremos! “Dereito ou torto,

sin máis alcuño ni-achego,

doente ou sán, vivo ou morto,

galego…¡soio galego!”

 

RAMÓN  CABANILLAS

Cervantes recupera a súa feira de gando 34 anos despois

Houbo que agardar 34 anos para ter de novo no noso concello a tradicional feira de gando. Tras esta longa ausencia dende 1985, San Román de Cervantes acolleu a I Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, organizado pola Asociación Territorio Verde, o Concello de Cervantes e ACRUGA. O evento ten como protagonista a tenreira galega e contribúe a fomentar o traballo conxunto dos gandeiros para impulsar a producción de carne de tenreira da mellor calidade, un sector económico clave no concello cervantego.

Nesta feira, que tivo unha grande afluencia, houbo unha poxa de xatos da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, ACRUGA. Ademais, fíxose entrega dos premios do concurso de gando, no que se inscribiron ó redor de cen animais. Recibieron os galardóns os gandeiros que presentaron as mellores vacas, touros e xatos de raza rubia galega e de raza asturiana.

Que sexa a primeira de moitas.

 

 

 

IMG-20190511-WA0024IMG-20190511-WA0025IMG-20190511-WA0026IMG-20190511-WA0027IMG-20190511-WA0028IMG-20190511-WA0029IMG-20190511-WA0030IMG-20190511-WA0031

Romaría Virxe dos Remedios de Tarnas

IMG-20190520-WA0021

Cada 20 de maio ten lugar un dos eventos tradicionais da zona cervantega, a Romaría da Virxe dos Remedios que ten lugar na aldea de Tarnas. Dende tempos antergos é venerada esta virxe e a ela acoden romeiros de todo o concello. Á Nosa Señora dos Remedios atribúenselle feitos milagreiros, entre eles a curación dunha muller cega no S.XIX.

San Xusto 2016

O pasado 6 de agosto foi a data do festexo parroquial vilaverense, en honra a San Xusto. Trátase do día máis especial do ano para os naturais de Vilaver, e debido a ser en data estival, fai que estean presentes gran parte da diáspora vilaverense emigrada polo mundo (Barcelona, Arxentina…). É un día de forte raigame familiar onde o evento principal do día e o máis emotivo é o xantar coa familia, e é costume convidar a amizades de parroquias e municipios limítrofes.

Antes do xantar ofíciase unha misa na honra do padroeiro local que ten lugar na igrexa de Vilaver.

O lugar tradicional da festa de San Xusto era na entrada da aldea, entre as casas de Quiroga e A Calella mais nos últimos anos lévase festexando a verbena na zona d’A Cancela, a carón da estrada.

Velaí algunhas imaxes e videos do que deu de si este San Xusto 2016

20160807_192342

20160807_03315120160807_033231

 

 

 

Datos xeográficos de Vilaver

O lugar de Vilaver atópase no norte do concello de Cervantes, na bisbarra d’Os Ancares e encadrado na rexión das Serras Orientais de Galiza.

Cervantes é o 10º concello galego por superficie, con 276 km2. Conta cunha poboación de 1.528 habitantes no ano 2014, distribuídos en 138 entidades de poboación que forman 21 parroquias civís.

Unha destas parroquias é Vilaver, baixo a advocación de San Xusto. Trátase dunha parroquia de escasa extensión no contexto cervantego, debido a que é a única do concello que está formada por unha soa entidade de poboación. Aínda así, abrangue unha superficie de 4,8 km2 , que establecendo comparativas no ámbito municipal galego, é maior que o concello de Mondariz-Balneario (con 2,3 km2 é o concello de menor extensión de Galiza) e case acadaría ó de Rábade (5,1 km2). Mentres que no ámbito internacional, a parroquia vilaverense ten maior superficie que os microestados da Cidade do Vaticano (0,44 km2) e Mónaco (2 km2) e achégase á extensión de Xibraltar (6,5 km2).

Como xa dixemos anteriormente, a parroquia de San Xusto de Vilaver ten unha única entidade de poboación, o lugar de Vilaver, que segundo o IGE ten 26 habitantes en 2015. Esta cifra sitúa a Vilaver como a 12ª aldea con máis habitantes de Cervantes, dun total de 138 aldeas.

  1. San Román de Cervantes: 83 habitantes
  2. Vilarello da Igrexa: 47 habitantes
  3. Piornedo: 42 habitantes
  4. San Tomé: 40 habitantes
  5. Dumia: 37 habitantes
  6. San Pedro: 35 habitantes
  7. Cela: 30 habitantes
  8. A Degrada: 29 habitantes 
  9. Riamonte: 28 habitantes
  10. Santalla: 28 habitantes
  11. Quindous: 27 habitantes
  12. Vilaver: 26 habitantes

Dos 8.125 municipios existentes en España, 126 deles teñen igual ou menor poboación ca Vilaver, é dicir, que a nosa aldea ten unha poboación igual ou maior que o 1,55% dos municipios que hai en España.

Vilaver está situado no norte do concello, e os seus lindes son os seguintes:

Ó norte: linda con Vilor, Vilarín e Penedo, lugares da parroquia de Santa Mariña de Vallo (xa no concello de Navia de Suarna)

Ó oeste: linda con Santo Estevo e Santalla, lugares pertencentes á parroquia de Santalla de Ambasvías.

Ó leste: linda co lugar de Vilar, na parroquía de San Fiz de Donís.

Ó sur: linda con Borzoado e Ardevila, lugares da parroquia de Santa María de Dorna.

Ó suroeste: linda con Quindous, cabeceira da parroquia de San Xusto de Quindous.

ABRENTE

Sexan benvid@s a este humilde blogue adicado á parroquia de San Xusto de Vilaver, especialmente á súa cabeceira parroquial, o lugar de Vilaver.

A  finalidade desta páxina non é outra que a de situar a nosa pequena aldea no mundo da información que é internet hoxendía. É a nosa modesta homenaxe a un lugar pequeno pero ao mesmo tempo grande, un lugar cunha historia alonxada das crónicas escritas, pero cun inmenso océano de historias persoais e cotiás: a vida rural, o traballo do campo, a emigración, o encaixe de cada avance socioeconómico que foi configurando a vida desta antiga aldea.

Agardamos que sexa do voso agrado e estamos sempre abertos a colaboracións de quen queira enviar calquera imaxe ou información histórica sobre esta parroquia ancaresa.